A Asociación Cultural Xan de Arzúa expón:

Na Festa do Boi non existe maltrato animal, polo tanto non hai lugar a un debate presentado neses termos.

A Festa do Boi non garda semellanzas con celebracións que se están poñendo como exemplo para recabar sinaturas e acusala de maltrato.

Non é, dende logo, un San Fermín galego, comparación que só se pode facer dende o descoñecemento. Aquí non hai “encierros” porque aquí non hai “corridas” xa que a Festa do Boi non é un evento taurino; de ningún modo é sentido así polos veciños que a protagonizan nin recibe ningunha autorización administrativa especial, diferente á de moitas outras festas que se celebran no concello ao longo do ano.

A Festa do Boi é unha festa medieval, non de imitación ou nova invención. É unha festa con continuidade histórica dende hai 699 anos e que arrinca dun enfrontamento relixioso e social entre xudeus e cristiáns no ano 1317. O boi foi utilizado por un cristián, Xan de Arzúa, para facer fuxir aosxudeus que se mofaban da procesión de Corpus Christi. Polo tanto, nada que ver con “encierros”, con “corridas” de touros, con agresións, con menosprezos… Historicamente e na actualidade, o boi é protagonista en positivo, é o heroe que gañou a liorta medieval e, como tal, é agasallado e considerado. Nese contexto, é doado deducir que non é obxecto de burlas senón de louvanzas e agradecementos.

Nin existe afán de darlle á tradición categoría de ben absoluto nin existe afán de inmobilismo. A festa foi evolucionando cos séculos, máis ca nunca nas dúas últimas décadas, e a relación co boi non é allea a eses cambios.

Nin se pretende facer burla do catolicismo exacerbado de Xan de Arzúa, nin se busca castigar aos xudeus nin, por suposto, maltratar o boi.

Nesta festa non se producen ataques nin agresións ao boi. O obxecto das carreiras non é perseguir o boi nin golpealo nin, moito menos, como se di nalgún dos informes xenéricos difundidos estes días como se fosen referidos á festa de Allariz, facelo pasar fame ou sede. Simplemente, trátase de correr ao seu lado perseguindo a uns imaxinarios veciños que atacan as tradicións doutros veciños no século XIV. O boi é un membro máis da comunidade social durante nove días e recibe durante todo o ano os coidados adecuados á súa condición de animal e de membro de referencia da comunidade. Ata os anos sesenta era proporcionado para a festa por gandeiros do concello, sabedores de que o animal co que traballaban e habían de seguir traballando as súas terras durante anos, non sufría ningún dano.

O boi non ten máis protagonismo que o de ser un símbolo, unha recreación histórica; non é obxecto nin de ataques nin de agresións de ningún tipo nin de burlas.

Nas Carreiras do Boi programadas para todos os días da festa disponse de, cando menos, catro animais, que nunca saen á rúa simultaneamente.

Cada percorrido dura como máximo 30 minutos e cada boi participa nun cada dous días. A organización conta co asesoramento de persoal especializado para o trato, a alimentación e coidado dos animais.

Os bois empregados nas carreiras son criados nunha explotación ecolóxica de Allariz; alí naceron, alí se crían e alí regresan, para completar o seu ciclo vital, unha vez rematados os nove días de festa. Os bois non son sacrificados ao rematar a Festa do Boi; continúan coa súa vida habitual no monte.

 

Asociación Cultural Xan de Arzúa
Contacto: Antonio Blanco (645 182 344)

 

imaxe de Brais Seara