As orixes da festa
No sec. XIV habitaba en Allariz unha poboación xudía respectable, confinada no barrio de Santo Estevo, extramuros, que vivía conxugando un innegable dinamismo económico co acoso provocado pola “oficialidade” cristiá, moradora da cidade amurallada. Chegada a festividade do Corpus, e aproveitando que a procesión do Santísimo necesitaba saír extramuros para achegarse ao convento, era cando aproveitaban os xudeus para desafogaren as súas iras e frustracións, berrando e insultando ao paso da procesión. Contan os cronistas que Xan de Arzúa, un fidalgo alaricano de profundas conviccións relixiosas, decidiu dar fin a esta situación. Chegada a procesión do 1317 montou a lombos dun boi e acompañado por varios criados e cargado de sacos con formigas encabezou a procesión do Corpus. Cando os xudeus apareceron para boicotear o acto, a base de cornadas e chuvia de formigas axotou para sempre os xudeus.
Dende entón e ata 1936, todos os anos polo Corpus saía o Boi en Allariz. Durante a guerra suspendeuse, para despois dela espertar lentamente, apagándose de forma definitiva a finais dos 50, principios dos 60. Dende entón, e segundo palabras de Antonio Blanco, “o Boi vive agochado no corazón dos alaricanos”, ata que en 1983, un grupo de mozos decide recuperar a festa, e o boi volve correr por Allariz, e con el un municipio con orgullo da súa historia e das súas tradicións.
O ascenso en participación, popularidade e proxección pública da festa dende a súa recuperación é espectacular; boa proba disto, son os 10 días de duración actual da festividade e do número de visitantes que se achegan todos os anos polo Corpus Christi a Allariz.