A Festa do Boi ultima os preparativos para edición de 2022. Allariz xa está lista logo de dous anos sen a celebración por mor da pandemia.
Hoxe pola mañá comezaban as actividades que a Asociación Cultural Xan de Arzúa, coa colaboración da concellería de Cultura do Concello de Allariz realizarán en coordinación co CEIP Padre Feijóo de Allariz.
Na mañá de hoxe luns e na do xoves, os rapaces e rapazas de 1º,2º,3º,e 4º de primaria, asistirán a un roteiro teatralizado sobre a Festa do Boi no que participan voluntarios da Asociación e do departamento de Cultura así como da Asociación Silvardeiras de Allariz.
Mañá martes os rapaces de 5º participarán na charla/obradoiro con Juan Antonio Seara. Nesta charla falarán sobre o libro O corpus cristi en Allariz, que foi publicado este ano e escrito por Juan.
E o venres será a quenda dos rapaces e rapazas de 6º, os/as cales realizarán unha obradoiro no que falaran da figura dos homes do sedeño e da aguillada, e realizarán unha casaca para ser homes e mulleres do sedeño durante as Saídas do Boi Infantil, coidando do mesmo.
A Asociación Cultural Xan de Arzúa leva máis de 35 anos traballando por conservar a memoria histórica da Festa do Boi. A orixe medieval da mesma, de como vivían e se relacionaban entre eles naquela época e como xurdiu a Festa. Durante os 9 días que dura a celebración varias actividades terán como protagonistas a eses gremios que tan importantes eran no 1317, e tan importantes son 2022.