O pasado sábado a directiva da Asociación Cultural Xan de Arzúa mantivo unha reunión con parte das persoas que conforman este colectivo, para comunicar principalmente a decisión de adiar a Festa do Boi 2021 para o 2022. A situación actual tanto social, económica e sanitaria que vivimos non é a mais axeitada para o desenvolvemento da Festa.
As datas programadas para a Festa do Boi 2021 son do 29 de maio ao 6 de xuño. Aínda que o boi teña que agardar un chisco para percorrer de novo as rúas de Allariz, dende a Asociación Cultural Xan de Arzúa vanse a realizar unha serie de iniciativas para que neses días o Boi estea presente en Allariz.
Este ano porase a venda un pano especial da Festa do Boi 2021. Estará dispoñible nos establecementos habituais a finais do mes de maio por un prezo simbólico de 1€.
Tamén se levará a cabo unha exposición fotográfica da Festa do Boi por algunhas rúas de Allariz
Unha parte importante da festa é a histórica, que ano tras ano congrega o primeiro domingo unha representación teatral na que unha vintena de gremios participan na procesión teatralizada de Xan de Arzúa. Aínda que neste momento non é posible desenvolver esta recreación histórica, si que dende a Asociación animamos, como xa ocorreu no 2020, que todas aquelas persoas que así o queiran, saian á rúa o domingo 30 de maio vestidos/as co traxe do seu gremio.
Non queremos esquecernos dos máis pequechos e pequechas. Eles gozan da Festa do Boi tanto ou máis cos adultos, polo que tamén terán algunha que outra sorpresiña durante esa semana.
Por ultimo, a Asociación Cultural Xan de Arzúa insta a que cada un/ha poña o seu gran de area, animando a contaxiar a toda a cidadanía do sentimento que temos da Festa do Boi .
Arriba o Boi!!!