Mañá, sábado, inicio dos festexos co Trato do Boi, a Entrega do Sedeño e a Proba dos Bois.

A Asociación Cultural Xan de Arzúa elixiu como Corrixidor de Honra da Festa do Boi 2016 a Xabier Saco Gómez, en recoñecemento á súa contribución persoal a esta celebración e, fundamentalmente, no seu cometido como director do colexio público Padre Feijoo durante case dúas décadas.

Nacido en Piñor de Cea, Xabier Saco chegou a Allariz como mestre no curso 1990-91; en 1992 asumiu a dirección, posto que desempeñou ata a súa xubilación, en 2011. Dende hai máis dunha década o colexio de infantil e primaria é protagonista activo de numerosas actividades culturais e didácticas vinculadas coa festa, especialmente a través do programa O Boi na Escola, que promove a asociación Xan de Arzúa con actividades para todos os cursos, dende Infantil a sexto de Primaria.

Esta entidade quere recoñecer a colaboración de Xabier Saco e, a través da súa persoa, recoñecer tamén o traballo do resto de profesionais e o papel do propio centro educativo como institución, que continúa sendo un importante baluarte no traballo cultural da Festa do Boi.

A asociación Xan de Arzúa valora moi especialmente a dedicación dos docentes e a súa implicación e esforzo para integrarse no contexto vital dos seus alumnos, aproveitando a realidade social como recurso pedagóxico, máis alá do que estritamente lles esixe a súa condición laboral.

Como símbolo de recoñecemento, a asociación fai recaer en Xabier Saco o nomeamento de Corrixidor de Honra xa que, á súa condición de mestre e director, une a de actor da procesión medieval de Xan de Arzúa, onde ata fai dous anos encarnou o papel de párroco de Santiago.

O Corrixidor de Honra protagoniza, cada Sábado da Proba -neste ano mañá, día 21 de maio- o xesto simbólico de Entrega do Sedeño ao fiscal medieval para que este, á súa vez, llo entregue aos homes do sedeño autorizando, dese xeito, a celebración da Festa. É, como moitos outros elementos da Festa do Boi, unha recreación de tradicións seculares.

A Asociación Cultural Xan de Arzúa quere recoñecer, coa figura do Corrixidor de Honra, o compromiso e o traballo das persoas que colaboran, dun xeito ou doutro, co bo desenvolvemento e permanencia dunha tradición que comezou no ano 1317.

Actos para o sábado

Mañá, sábado, comeza a edición número 699 da Festa do Boi. Farao cun Xantar campestre na aldea de San Salvador dos Penedos a partir das 2 da tarde.

A partir das 4, os romeiros partirán de San Salvador cara á Paicordeiro, acompañados por varias xugadas de bois e coa música das gaitas de Rúa Ruar. Arredor das 5 recrearase na aira de Paicordeiro o Trato do Boi, unha pequena peza teatral que lembra os acordos de mediados do século XX entre os veciños da vila e os das aldeas para alugar os bois da festa.

Ao finalizar continúa a camiñata ata o Campo da Barreira onde, ás 19.00, terá lugar o Saúdo do Corrixidor de Honra e o acto de Entrega do Sedeño, símbolo do comezo da festa.

Ás 20.00 comezará a Proba dos Bois.

Ao remate, pasarrúas coa charanga BB-Mas e, dende a medianoite, Batucada Axóuxere e charanga BB-Mas.