Dezasete gremios únense aos Xudeus para manter unha tradición que cumpre 699 anos.
A Festa do Boi de Allariz vivirá mañá, domingo, a súa xornada central, coa celebración da Procesión medieval de Xan de Arzúa a partir das 12 do mediodía, dende O Eiró.
Arredor de medio millar de persoas, organizadas en 17 gremios, danzantes, tarasca, Xigantes e Cabezudos, músicos e Xudeus, escenificarán un guion que, tomando como base os feitos acaecidos no Xoves de Corpus de 1317, inclúe numerosas situacións humorísticas, reseñas históricas, música, equívocos e anacronismos que acentúan a viveza e o dinamismo da posta en escena.
Todos os actores son veciños de Allariz e levan dous meses ensaiando as distintas escenas nas rúas, por onde discurre a trama. Fundamentalmente, o relato narra o enfrontamento entre xudeus e cristiáns que deu lugar á Festa do Boi, pero faino en clave de humor, aínda que sen esquecer o fío argumental da tradición e sen renunciar á ambientación medieval, posto que os feitos acontecen en 1317.
O guion é da autoría de Abraham Herrero e a dirección corresponde a Martín Quintana. O protagonismo musical corresponde a Andrés González, compositor de boa parte das pezas que se interpretarán.
Unha hora antes do inicio da Procesión medieval de Xan de Arzúa, abrirá na rúa Pepe Puga o Mercado medieval, con quince produtores alaricanos e unha oferta variada de produtos.
Ao remate da procesión terá lugar, ás 14.00, a Carreira medieval do Boi. Gremios e visitantes comerán en carpas no Campo da Barreira. Ás 16.30 comezarán os Concursos de Trobadores e de Sobremesas, unha demostración de creatividade e capacidade artística, tanto nas elaboracións de postres como nas letras e interpretacións de música e baile. No 2016 o produto base co que terán que ser elaboradas as sobremesas é o mel.
A xornada dominical rematará cun pasarrúas da batucada Axóuxere e, ás 20.30, unha carreira do boi.