Allariz está lista para vivir unha nova edición da Festa do Boi, que se celebrará do 14 ao 22 de xuño de 2025. Esta festividade, cunha fonda raíz histórica e cultural, atraerá a participar tanto a veciñanza coma a xente que se achegue neses días nun dos eventos máis emblemáticos de Galicia.

A presentación oficial da Festa do Boi 2025 tivo lugar en A Casa do Boi, cun acto no que participaron representantes da Asociación Cultural Xan de Arzúa, a alcaldesa Cristina Cid e o artista Jaime González, autor do cartel deste ano. A imaxe do cartel rende homenaxe a todas aquelas persoas que viven a Festa do Boi dende os balcóns das súas casas, representando nesta ocasión á nosa veciña Carmen, que nos deixou a finais do ano pasado.

O boi e os homes do sedeño visitan a todas esas persoas que desfrutan a festa ano tras ano dende os balcóns e fiestras das súas casas. Carmen era unha desas persoas que estaba agardando que lle tiraran o sedeño cada ano, como unha homenaxe á súa devoción por esta festa. Con este cartel, a Festa do Boi 2025 quere lembrala con cariño e recoñecer a todas as persoas que manteñen viva esta tradición dende os seus fogares. Jaime González soubo representar a través da súa arte moi ben ese momento.

Por outra banda, dende a Asociación nos explicaron a programación deste ano conta cunha ampla variedade de actividades que combinan historia, tradición e lecer. Durante nove días, Allariz converterase no epicentro da festa con pasarrúas, teatro, música, xantares populares e, por suposto, as emocionantes saídas do boi, que percorren as rúas do centro histórico.

A festa dará comezo o sábado 14 de xuño cun gran Xantar Popular en Paicordeiro, un punto de encontro clave para a veciñanza e os visitantes, onde se poderá compartir mesa e celebrar o inicio desta gran festividade. Tras este xantar, terá lugar a tradicional Recreación do Trato do Boi en Roimelo, seguida da esperada baixada dos bois ata a Barreira. O domingo 15, a Procesión medieval do Xan de Arzúa transportará aos asistentes aos tempos da orixe desta festividade, cunha impresionante posta en escena. Este ano o concurso de trobadores estará adicado a Xosé Manuel Piñeiro, Superpiñeiro convertendo esta actividade nun Supermedievo.

Ademais, os máis pequenos poderán gozar de Saídas Infantís do Boi, que terán lugar en varias xornadas ao longo da semana.

A festa contará con destacadas actuacións musicais, como os Festicultores Troupe, a Orquestra Cinema, o Grupo Beatriz, ademais de pasarrúas coa charanga Sugarri e a treboada dos Zes Pereiras. O venres 20 de xuño, terá lugar outro dos momentos máis significativos: a Recreación da Bandeira, onde os gremios, acompañados de música tradicional, percorren a ata a Praza Maior para a colga da bandeira do Xan de Arzúa na Casa do Concello.

Cristina Cid resalta a gran importancia que ten esta festa para Allariz pero sobre todo para a veciñanza. Dende a súa recuperación, a Festa do Boi serve de vínculo interxeracional no que toda a veciñanza convive e participa activamente nas actividades durante eses nove días de festa. Cristina agradeceu a labor das persoas que colaboran na Asociación Cultural Xan de Arzúa e que fan posible que ano tras ano co seu traballo desinteresado organicen a Festa do Boi con meses de antelación.

Desde a organización, faise un chamamento á responsabilidade e ao respecto polos bois, recordando que o seu coidado está exclusivamente en mans das persoas encargadas da súa guía. Ademais, recoméndase ao público estar atentos durante as saídas do boi e evitar obstaculizar os portais, que serven como vía de escape en caso necesario.

A Festa do Boi de Allariz é unha cita ineludible, cun programa cheo de actividades para todas as idades. Esta edición promete ser unha semana inesquecible de emoción e convivencia para a veciñanza e tamén para as persoas que decidan visitarnos.