A Paneira e a Fundación Risco ofrecen exposicións de artistas alaricanos e de alumnos de infantil e primaria.

A edición número 699 da Festa do Boi vive hoxe, venres, unha xornada preliminar coa inauguración de dúas exposicións con diferentes protagonistas e estilos pero un denominador común: a tradición máis senlleira de Allariz.

Unha das propostas que este ano se incorporan ao programa festivo é a mostra “ExpoBoi 2016. A festa feita arte”, que permanecerá na Casa da Paneira, na praza maior da vila, dende mañá, 20 de maio, ata o 19 de xuño.

13243912_551289341720784_1993254309731769251_o
Nove artistas alaricanos presentan durante un mes a súa particular visión sobre a Festa do Boi, con pinturas e esculturas alusivas á tradición. As obras levan a sinatura de Xaime Piñeiro, Arturo Andrade, Vicente Escudero, Pablo Fernández, Xabier Varela, José Famos, Luchy Polo, Luis Pachón y Antonio Soria Rocafort.

A mostra é herdeira de experiencias pioneiras, as ExpoBoi de finais dos anos oitenta, que ocuparon os deteriorados espazos públicos e os baixos abandonados do casco histórico nunha mensaxe reivindicativa a prol da recuperación do patrimonio alaricano. Recuperado e revitalizado o casco histórico, esta “ExpoBoi 2016. A festa feita arte” perde aquel carácter de denuncia e preséntase nun espazo rehabilitado e dedicado dende hai anos a usos administrativose culturais, a Casa da Paneira.

A entrada á exposición é gratuíta. Organiza a Asociación Cultural Xan de Arzúa e colabora o Concello de Allariz.

 

A mirada dos nenos, na Fundación Risco

A segunda exposición que hoxe, venres, se inaugura, ubícase noutro espazo rehabilitado do casco histórico e igualmente senlleiro: a casa museo de Vicente Risco.

13235696_551289365054115_5310022495789875018_oA fundación que conserva o legado de Risco colabora coa Asociación Cultural Xan de Arzúa na montaxe da mostra  “ArteBoi. A mirada dos nenos”. Os artistas son, neste caso, alumnos de educación infantil de 5 anos e de 3º de primaria do colexio Padre Feijoo.

Trátase dun proxecto educativo no que non só participaron os alumnos senón tamén as súas familias, implicadas cos seus fillos e fillas no desenvolvemento de capacidades creativas e habilidades manuais.

A mostra estará aberta ao público na sala de exposicións da casa museo Vicente Risco, na rúa San Lourenzo, dende hoxe, venres, ata o 19 de xuño. A entrada é gratuíta.