A Asociación Cultural Xan de Arzúa e o Concello de Allariz, ante o estado de pandemia internacional declarado pola Organización Mundial da Saúde o 11 de marzo de 2020 e o estado de alarma declarado o 14 de marzo de 2020 polo Goberno de España, para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, comunican a decisión sobre a celebración da edición 2020 da Festa do Boi que ía a desenvolverse do 6 ao 14 de xuño.
Esta decisión foi meditada , debido a incerteza que se presenta para as próximas semanas, ou incluso meses, sobre a situación actual.
Unha festa con mais de 700 anos de historia e que no ano 1983 un grupo de mozos rescataron da memoria. Nese momento , non fixeron mais que dar un primeiro paso, aínda que fundamental, nun proceso de recuperación cultural.
Tampouco admite discusión o carácter popular da celebración. A participación cidadá na Festa do Boi é o eixe mais importante , dende a súa estrutura organizativa ao desenvolvemento de numerosas actividades non só culturais senón lúdicas, pasando polo financiamento co seu aporte individual e voluntario por parte dos veciños e veciñas. Na situación actual é un exercicio de responsabilidade o de suspender a Festa do Boi para este ano 2020 tal e como a coñecemos.
Esta é unha festa do pobo, para o pobo e protagonizada polo pobo. Declarada Festa de Interese Turístico Galego, recoñece o seu valor cultural , as súas características populares e o atractivo turístico que ano tras ano anima a miles de persoas a achegarse a ela.
Por todo iso consideramos que a opción mais responsable neste momento é facer unha paréntese, e agardar que pase esta situación para analizar posible alternativas que nos permitan manter o recordo da Festa do Boi 2020.